Historia
O soño de voar remontase á prehistoria. Moitas lendas e mitos da antigüidade relatan historias de voos como o caso grego do voo de Ícaro. Leonardo da Vinci, entre outros inventores visionarios, deseñou un avión, no século XV. Co primeiro voo realizado polo ser humano (Francois Pilatre de Rozier e François d'Arlandes) nun aparato máis livián có aire, un globo, o maior desafío pasou a ser a construción dunha máquina máis pesada có aire, capaz de erguer o voo polos seus propios medios.
Anos de investigacións por moitas persoas ansiosas de acadar esa proeza, xeraron resultados débiles e lentos, pero continuados. O 28 de agosto do 1883, John J. Montgomery foi a primeira persoa en realizar un voo controlado nunha máquina máis pesada có aire, un planador. Outros aviadores que fixeron voos semellantes naquela época foron Otto Lilienthal, Percy Pilcher e Octave Chanute.
Sir George Cayley, o descubridor da aerodinámica, xa construía e facía voar prototipos de aeronaves de á fixa dende 1803, e acadou por construír un xeitoso planador con capacidade para transportar pasaxeiros no 1853, aínda que por mor a que non posuía motores non podía ser cualificado de avión.
O primeiro avión propiamente dito foi creado por Clément Ader, que o 9 de outubro do 1890 consegue engalar e voar 50 metros coa súa Éole, pero o avión queda estragado ó esnafrarse. Posteriormente repite a fazaña co Avión II que voa 200 metros no 1892 e o Avión III que no 1897 voa unha distancia de máis de 300 metros. O voo do Éole foi o primeiro voo autopropulsado da historia da humanidade, e é considerado como a data de inicio da aviación en Europa, aínda que non en América.
A principios do século XX, foi realizado o primeiro voo nunha máquina máis pesada có aire, capaz de xerar por si mesma a potencia e sustentación precisa. Porén, este é un feito polémico no cal son acreditados por unha parte Alberto Santos Dumont e por outra os Irmáns Wright.
![]() |
Os irmáns Wright estudaron minuciosamente canto se sabía ata entón sobre aeronáutica, chegando as súas propias conclusións. Os irmáns Wright comezaron os seus experimentos con planadores no 1900, pero é o 17 de decembro do 1903 cando rematan a construción do seu primeiro avión con motor de gasolina de catro cilindros e 12 cabalos de vapor. Pilotado por Orville e avanzando sobre raíles, elevouse tres metros e tras cabecear percorreu aproximadamente 30 metros en 12 segundos, caendo despois a terra, segundo versión dos propios interesados e das súas "testemuñas oculares".
Críticos dos irmáns afirman que este voo non tivo testemuñas considerábeis (catro salvavidas e un rapaz), dado o illamento no que foron realizadas as probas. Outro factor que desmerece tal proeza foi o emprego dunha catapulta, para o engalaxe da nave creada polos irmáns, o Flyer.
No 1905, os Wright percorreron 25 millas, voando durante 30 minutos sen tocar terra. Outros inventores como Henri Farman, melloraron o invento dos irmáns Wright.
A pesar desas evidencias documentadas na prensa da época, Santos Dumont é considerado como o creador da aviación moderna soamente en Brasil, e, en menor escala, en Francia e Portugal, sendo un asunto moi controvertido ata hoxe.De feito, Santos Dumont foi realmente a primeira persoa en realizar un voo nunha aeronave máis pesada có aire por medios propios, xa que o Kitty Hawk dos irmáns Wright só deixou a necesidade da catapulta no 1908. Realizado en París, Francia o 12 de novembro do 1906, non soamente foi ben testemuñado por locais e pola prensa, tamén por varios aviadores e autoridades.
No 1911 aparece o primeiro hidroavión grazas ó estadounidense Glen H. Curtiss e no 1913 o primeiro cuadrimotor, o "Le Grand", deseñado polo ruso Igor Sikorski.
Trala Primeira Guerra Mundial e antes da Segunda Guerra Mundial, os enxeñeiros entenderon que o rendemento da hélice chegara ó límite e comezaron a procurar un novo método de propulsión para acadar maiores velocidades. No 1930 Frank Whittle patenta as súas primeiras turbinas e Hans von Ohain fai o propio no 1935. Na Alemaña, o 27 de agosto do 1939 engala o HE-178 de Heinkel que montaba un motor de Ohain, realizando o primeiro voo a reacción da historia.
Non obstante, o avión máis grande do mundo data dos anos 40 e foi deseñado por Howard Hughes, o magnate da aviación. Denominado Hércules H4, ou sinxelamente "Spoose Goose" é o avión con maior envergadura alar do mundo, aínda que non de pasaxeiros.Hoxe en día, un dos avións máis recoñecidos é o Boeing 737. Pero non deixa de lado ó exitoso Boeing 747, aínda que non foi tan vendido como o 737, o 747 foi ata finais do ano 2006 o avión de pasaxeiros máis grande do mundo, titulo arrebatado polo Airbus A380, avión que transportará ó redor de 800 persoas, na vez das aproximadamente 500 que leva un 747. Inda que o Boeing 747, a pesar de seguir sendo ata non hai moito o avión con maior capacidade de pasaxeiros, este avión foi presentado por primeira vez no ano 1969.
Este avión só realizou un voo, no cal Howard Hughes foi o piloto. Este avión non sucou máis os aires por mor ó éxito que tiña a recentemente inventada propulsión a reacción, tendo en conta que o Spoose Goose voaba grazas a oito hélices.
Actualmente o avión máis grande do mundo é o Antonov An-225 Mriya, construído na Unión Soviética no 1988. Este avión considerase unha reliquia porque só se fabricou un por mor da caída da Unión Soviética.